Os Nosos Principios
Os Principios Fundamentais
  •  A Conferencia Diplomática de 1864 aprobou un marco xurídico que sentou os fins fundamentais da Cruz Vermella: a acción efectiva de socorro aos feridos, os vehículos e persoal sanitario que deberían ser considerados e respectado como neutrais e, polo tanto, protexidos nos conflitos bélicos.

     

    En 1921, o Comité Internacional da Cruz Vermella adoptou catro principios: Caridade, Universalidade, Independencia e Imparcialidade. En 1964, a Federación Internacional de Cruz Vermella e Media Lúa Vermella adoptou estes principios aos que sumou outros tres. Pero foi en Viena e no ano 65 na XX Conferencia Internacional da Cruz Vermella cando se definiron e aprobaron os Principios Fundamentais actualmente en vigor: Humanidade, Imparcialidade, Neutralidade, Independencia, Carácter Voluntario, Unidade e Universalidade.

     

    Os Principios Fundamentais son o Código de Conduta e Ideario do Movemento Internacional da Cruz Vermella e da Media Lúa Vermella, constitúen os sinais de identidade da Institución en todos os ámbitos e niveis de actuación.

    "Humanidade, Imparcialidade, Neutralidade, Independencia, Carácter Voluntario, Unidade e Universalidade"

    Os Principios obrigan a toda a Institución no seu conxunto e é un dos elementos de cohesión fundamentais do Movemento. Agora ben, non podemos esquecer que os membros da Institución como parte visible desta se encontran obrigados polos Principios nun dobre sentido:

     Actuar en todo momento e lugar de acordo con estes Principios.

     Manter un compromiso ideolóxico.

    O voluntario de Cruz Vermella debe ser coñecido e recoñecido, como tal, pola actividade que desenvolve, (centrada en determinados colectivos e/ou situacións) e pola forma de actuar que deberá reflectir a asimilación persoal dos Principios Fundamentais.

     

Humanidade
  • O Movemento Internacional da Cruz Vermella e da Media Lúa Vermella, ao que deu nacemento a preocupación de prestar auxilio, sen discriminación, a todos os feridos nos campos de batalla, esfórzase, baixo o seu aspecto internacional e nacional, en previr e aliviar o sufrimento dos homes en todas as circunstancias. Tende a protexer a vida e a saúde, así como a facer respectar a persoa humana. Favorece a comprensión mutua, a amizade. A cooperación e unha paz duradeira entre todos os pobos.

     

     

    O Principio de Humanidade é esencial no Movemento, xa que establece o fin prioritario da Institución: "Previr e aliviar o sufrimento humano en todas as circunstancias", os obxectivos xerais:

     

     Protexer a vida e a saúde.

     Facer respectar a persoa humana.

     

    Tamén especifica unha determinada forma de acción que nos permitirá conseguir os obxectivos, favorecer:

     A comprensión mutua e a amizade.

     A cooperación.

     Unha paz duradeira entre os pobos.

  • Este Principio fundaméntase no valor da persoa, dotada de dignidade e dereitos inviolables e na solidariedade con todos aqueles que sofren. É a expresión do compromiso do Movemento coa defensa dos dereitos humanos. O Movemento estivo presente na defensa dos dereitos humanos dende as súas orixes, aínda que non sempre explicitamente. Destacan particularmente as accións nos seguintes temas: tortura, desaparicións forzadas ou involuntarias, discriminación racial, dereitos da infancia, campos nos que pode desempeñarse un labor movilizador. Iso sen deixar de ter en conta outros moitos dereitos de contido económico social e cultural, e nos coñecidos como da "terceira xeración" ou dereitos de solidariedade (paz, desenvolvemento e medio), realízanse de feito numerosas contribucións.

     

     

    Na consecución destes obxectivos os voluntarios expresan a súa solidariedade mediante actitudes de:

     Comprensión, cooperación, amizade, interese afectuoso e desinteresado.

     Respecto, que nace do recoñecemento da individualidade do outro, das súas capacidades e posibilidades.

     Relacións abertas, horizontais, sen caer en redes afectivas, que bloquean.

Imparcialidade
  • Non fai ningunha distinción de nacionalidade, raza, relixión, condición social nin credo político. Dedícase unicamente a socorrer os individuos en proporción cos sufrimentos, remediando as súas necesidades e dando prioridade ás máis urxentes.

     

     

    Supón a esencia do pensamento do Movemento. Do recoñecemento de todos os seres humanos nace a non discriminación, por motivos de raza, sexo, relixión, condición social, credo político ou ideoloxía. Supón a non aplicación de distincións de carácter desfavorable polo mero feito de pertencer a unha categoría determinada. A única "discriminación" estará en base das necesidades: a asistencia será proporcional á intensidade do sufrimento. Esixe loitar contra todo prexuízo e actuar aténdose só aos feitos co fin de facelo sen preferencias persoais nin ideas preconcibidas.

     

     

     

    A vivencia deste Principio non só se exercita en situacións extremas de conflitos bélicos ou confrontación de grupos, senón que ten ramificacións que nos afectan na cotianeidade, na forma de relacionarnos con aqueles que "son distintos" ou que non pensan como nós. De aí a necesidade de afondar na tolerancia, como actitude que esixe un exercicio persoal de apertura da mente e aceptación do outro, tal e como é, sen menoscabo das propias conviccións.

     

Neutralidade
  • Co fin de conservar a confianza de todos, o Movemento abstense de tomar parte nas hostilidades e, en todo tempo, nas controversias de orde política, racial, relixiosa e ideolóxica.

     

     

    Á vez que se respectan os dereitos civís, políticos e sociais de toda persoa, o Movemento abstense de tomar parte en calquera tipo de controversia de orde político, racial, relixioso ou ideolóxico en todo tempo.

     

    Neutralidade significa non entrar en controversias para poder actuar en todo tempo e lugar. Neste sentido a neutralidade é unha garantía de acción. Non debemos confundir nunca ser neutral con ser indiferente, a neutralidade supón tomar partido polos máis vulnerables.

     

     

    Loxicamente ao voluntario de Cruz Vermella non se lle pide que renuncie á súa ideoloxía, todo o mundo ten unhas determinadas ideas, senón que esta non se reflicta na acción que desempeña en nome de Cruz Vermella.

     

     

    Non debemos confundir nunca neutralidade con imparcialidade:

     O neutral négase a pronunciarse, non toma partido.

     O imparcial actúa segundo unhas normas establecidas.

Independencia
  • O movemento é independente. Auxiliares dos poderes públicos nas súas actividades humanitarias e sometidas ás leis que rexen os países respectivos, as Sociedades Nacionais deben, non obstante, conservar unha autonomía que lles permita actuar sempre de acordo cos principios do Movemento.

     

     

    Este Principio aparentemente entra nunha contradición: por un lado establece que o Movemento é independente, por outro, que é auxiliar dos poderes públicos. Non obstante non existe tal contradición. A independencia supón:

     

     Opoñerse a toda inxerencia de orde política, ideolóxica ou económica.

     Non ser un instrumento da política gobernamental.

     Independencia ante a opinión pública.

     Liberdade de acción.

     

    Pero ao mesmo tempo é unha Institución auxiliar dos poderes públicos xa que:

     

     As Sociedades Nacionais son recoñecidas polos Estados.

     A súa acción complementa a desenvolvida polos poderes públicos cubrindo aquelas áreas ás que non poden chegar as diferentes Administracións, sempre coa autonomía necesaria para cumprir os Principios Fundamentais e poder decidir as accións que realiza e as que non.

     

  • Para facer realidade este Principio na cotianeidade, requírese que os voluntarios de Cruz Vermella:

     Respecten estes Principios por enriba dos seus intereses particulares.

     Afonden e entusiásmense co papel que, como voluntarios de Cruz Vermella, están chamados a exercer para o desenvolvemento dunha sociedade que, sen eles, sen a acción solidaria e independente de Cruz Vermella, carecería dun elemento de articulación necesario para o mundo actual.

     

    A Independencia da Institución garántese na práctica cun funcionamento interno democrático, estando aberta a todos, con fontes de financiamento diversas e cunha gran diversidade de accións
     

    Esta independencia axúdanos a ser máis libres para actuar pola dignidade, benestar e defensa dos suxeitos máis débiles da sociedade, e a comprender o compromiso e responsabilidade que, ademais, temos coa Institución.

Carácter Voluntario
  • Os voluntarios coa súa acción dan cumprimento aos Principios Fundamentais.

     

    É un movemento de socorro voluntario e de carácter desinteresado.
     

    A Cruz Vermella é unha asociación de voluntarios, polo que o Voluntariado forma parte da propia esencia da Institución.

     

    O voluntariado ten as seguintes características::

     A relación do voluntario coa actividade que desenvolve en Cruz Vermella comporta:

    • Implicación persoal: relación de axuda, comunicación, compañía, paz, etc.

    • Expresión dos Principios Fundamentais.

     Servizo gratuíto e desinteresado.

     Comprométese libremente a dedicar "un tempo" a unha actividade voluntaria dentro do campo de actuación de Cruz Vermella.

     Participación na comunidade, para mellorar as condicións de vida dos seus semellantes.

     A participación voluntaria é cooperativa, é dicir, trata de lograr un maior nivel de Humanización, a través da cooperación entre os distintos actores e factores sociais.

Unidade
  • En cada país só pode existir unha Sociedade da Cruz Vermella ou da Media Lúa Vermella, que debe ser accesible a todos e estender a súa acción humanitaria á totalidade do territorio.


    Este principio supón que debe existir unha única Sociedade Nacional por país e polo tanto estender a súa acción a todo o territorio e estar aberta a todos.

     

    Garante que a Cruz Vermella non se dilúa en Asembleas independentes e garante a coherencia institucional.

     

    Actualizar a conciencia da nosa permanencia a unha soa e grande institución, estendida por todo o mundo e por todo o territorio nacional, e manter a esencia da súa identidade debe ser para todos os membros de Cruz Vermella motivo de orgullo, á vez que de estímulo para o cumprimento das normas e orientacións que dimanan dos seus documentos e órganos.

     

     

Universalidade
  • O Movemento Internacional da Cruz Vermella e da Media Lúa Vermella, en cuxo seo todas as sociedades teñen os mesmos dereitos e deber de axudarse mutuamente, é universal.

     

    O Movemento ten vocación universal e aspira a estender a súa acción a todo o mundo. Pero ao mesmo tempo esta universalidade implica que todas as Sociedades Nacionais dende a máis grande e desenvolvida á máis pequena teñen os mesmos dereitos e deberes no seo do Movemento e deber de apoiarse mutuamente.


    As actividades voluntarias á vez que son concretas, referidas a suxeitos personalizados, teñen a posibilidade de ser ampliables a calquera persoa que se encontre en situación similar, o que permite deseñar procesos e establecer estratexias universalizables.

     

     

Botón Clicable - Dónde Estamos


Botón Clicable - Nuestros Principios


Botón Clicable - Nuestra Historia


Botón Clicable - Movimiento Internacional


Botón Clicable - Estatutos - Reglamento


Botón Clicable - Misión y Plan de Acción


Botón Clicable - Nuestros Datos


Botón Clicable - Nuestras Cuentas


Botón Clicable - Calidad


Botón Clicable - Centro de Documentación


BC-RESPONSABILIDAD SOCIAL


Botón Clicable - Red