Movemento Internacional
Estrutura do Movemento Internacional
  • Hoxe en día o Movemento Internacional está formado por tres compoñentes, cada un dos cales posúe personalidade xurídica propia, desempeñan funcións diferentes pero complementarias:
     

    • O Comité Internacional da Cruz Vermella CICR.
    • A Federación Internacional de Sociedades Nacionais da Cruz Vermella e da Media Lúa Vermella.
    • As Sociedades Nacionais da Cruz Vermella e da Media Lúa Vermella.

    As diferentes partes do Movemento coordínanse a través de tres órganos:

     

    • A Conferencia Internacional, que se reúne cada catro anos e que constitúe a máis alta autoridade deliberante da Cruz Vermella, da que son membros, ademais, os delegados dos Estados Parte dos Convenios de Xenebra. Determina a política fundamental nas cuestións de principio, na esfera do dereito internacional humanitario e no que se refire á organización e operacións.
    • A Comisión permanente, é o órgano que prepara a Conferencia Intencional, en íntima colaboración coa Sociedade Nacional sede da Conferencia. No intervalo entre conferencias, a Comisión Permanente coordina os labores do  CICR  e as da Federación.
    • O Consello de Delegados, é o órgano no que se reúnen os representantes de todos os compoñentes do Movemento. Reúnese cada dous anos e a miúdo ten que pronunciarse sobre cuestións de política ou sobre calquera outro asunto de común interese para o Movemento. No que se refire aos preparativos da Conferencia Internacional, presenta propostas para os postos de presidente, vicepresidentes e secretarios da Conferencia, decide a orde en que deberán examinarse os temas e sobre as propostas que lle remitan á Conferencia ou á Comisión Permanente.
Comité Internacional
  • CICR é o órgano fundador da Cruz Vermella en 1863. É unha organización independente, privada e neutral, con sede en Xenebra, integrada por cidadáns suízos e actúa no mundo enteiro para protexer e socorrer as vítimas dos conflitos armados.

     

    Os dirixentes do CICR son de nacionalidade Suíza. O órgano supremo é un Comité integrado por 25 membros como máximo, elixido por cooptación de entre personalidades helvéticas que teñen, á vez, experiencia en asuntos internacionais e un compromiso coa causa humanitaria. O Comité reúnese oito veces ao ano en Asemblea, na que se determinan a política xeral e os principios de acción da Institución. Sete membros do Comité forman o Consello Executivo que se encarga de dirixir os asuntos operacionais e supervisar directamente a administración.

     

    A acción do CICR baséase nos Convenios de Xenebra e nos seus Protocolos Adicionais, así como nos Estatutos do Movemento Internacional da Cruz Vermella e da Media Lúa Vermella e nas Conferencias Internacionais.

     

    Os seus fundamentos xurídicos son:

    • Nos conflitos armados internacionais, a comunidade internacional asigna, nos catro Convenios de Xenebra e no Protocolo Adicional I, diversas tarefas ao CICR e recoñece o dereito de visita aos prisioneiros de guerra e aos internados civís, así como un amplo dereito de iniciativa.
    • En conflitos armados non internacionais, os Estados recoñecen o CICR un dereito de iniciativa, que se menciona nos catro Convenios de Xenebra.
    • En disturbios interiores ou tensións internas, ou en calquera outra situación que xustifique a súa acción humanitaria propón os seus servizos aos Estados, sen que tal ofrecemento sexa unha inxerencia.

     

  • CICR  ten os seguintes obxectivos:

     

    En tempo de guerra: Protección e asistencia ás vítimas dos conflitos armados.

    Para iso desenvolve as seguintes actividades:

    • Protección aos prisioneiros de guerra.
    • Buscas.
    • Asistencia sanitaria.
    • Axuda Humanitaria.
    • Vixilancia do cumprimento por parte dos belixerantes do Dereito Internacional Humanitario (DIH).
    • Mediador neutral.
    • En todo tempo: Desenvolvemento e difusión do DIH.

     

    En tempo de conflito a súa acción consiste basicamente en chegar onde estean as persoas que necesiten protección. Os delegados do CICR visitan os hospitais, os campamentos, os lugares de traballo, as prisións ou calquera outro lugar onde haxa cativos. Estas visitas realízanse segundo uns criterios moi precisos:

    • Que poidan ver a todos os prisioneiros.
    • Que teñan acceso a todos os lugares de detención e poidan repetir as visitas.
    • Que dispoñan da lista das persoas que han de visitar.

     

    As visitas do CICR efectúanse para comprobar as condicións materiais e psicolóxicas da detención, e non os motivos desta. En caso de necesidade, distribúense socorros, e intervense ante as autoridades cada vez que se comprobe a necesidade de tomar medidas para mellorar o trato dos presos ou os detidos. Os informes redactados tras esas visitas son confidenciais; non se remiten máis que ás autoridades detentoras (así como no caso de prisioneiros de guerra, á Potencia de orixe).

     

    Esta política de discreción non sempre é ben comprendida pola opinión pública que, con frecuencia, querería que o CICR sinale a certos gobernos ou aos autores de certos actos inhumanos. Non obstante o CICR ten a certeza de que é coa persuasión, sen publicidade ningunha, como pode cumprir coa súa misión.

     

  • Se fixesen públicas as comprobacións dos seus delegados, probablemente se pecharían as portas das prisións e as fronteiras. Non obstante, grazas ás súas repetidas visitas ás persoas privadas de liberdade, o  CICR pode desempeñar a súa misión de protexelas, prevalecendo este aspecto sobre calquera outra cuestión.

     

    CICR non só se ocupa dos detidos, senón de calquera colectivo afectado polo conflito, para iso desenvolve programas de asistencia material e médica. Estas operacións en ocasións levan consigo grandes despregamentos loxísticos, xa que teñen que efectuarse en países que se atopan envolvidos en conflitos bélicos. O  CICR determina as necesidades e, despois, organiza, administra, e controla os programas de asistencia: avaliacións sobre o terreo, estudo de mercados locais, das posibilidades de almacenamento e transporte, sistemas de distribución dos socorros, etc.

     

    Tamén se satisfán as necesidades prioritarias de medicamentos e material médico para atender aos feridos, ademais de problemas xerais de saúde que afectan ás vítimas dos conflitos, tales como, epidemias, malas condicións de hixiene e nutrición inadecuada. O traballo básico na área medica consiste en

    • Atención primaria de saúde e ensino da súa práctica.
    • Evacuación de feridos e enfermos.
    • Avaliacións do estado de desnutrición.
    • Desenvolvemento de programas de saneamento.
    • Creación de programas de saúde pública.
    • Práctica da cirurxía de guerra.
    • Programas de rehabilitación para persoas que sufriron amputación.

     

    Un aspecto básico do CICR é o labor que realiza en todo tempo de difusión do DIH, xa que considera que unha das claves para o seu cumprimento é que sexa coñecido por todas as partes. Tamén desenvolve campañas e promove a celebración de conferencias para a prohibición de certos tipos de armamento ou de formas de combate, por exemplo a campaña contra a utilización de minas antipersoa, as armas láser, etc.

     

    CICR non dispón de fondos propios nin de fortuna ningunha. Hai catro fontes de financiamento para o presuposto da Institución:

    • As contribucións dos Estados Partes nos Convenios de Xenebra.
    • As contribucións das Sociedades nacionais.
    • As contribucións privadas.
    • Donativos e legados diversos.
  • Para a realización de accións concretas sobre o terreo realízanse os denominados chamamentos ás Sociedades Nacionais e aos Gobernos para que realicen ás súas contribucións.

     

    CICR ten o denominado Dereito de Iniciativa polo cal pode ofrecer os seus servizos ás partes en conflito, sen que poidan ser estes rexeitados alegando inxerencia interna nos asuntos dun país.

     

    CICR conta coa denominada Axencia Central de Buscas (A.C.B.) que trata de establecer contacto entre familiares separados a causa dos conflitos armados. As tarefas principais da ACB son:

    • Obter e rexistrar todos os datos que permitan establecer a identidade dos mortos, feridos ou desaparecidos e transmitir a información aos achegados das vítimas.
    • Facilitar o intercambio de correspondencia entre familiares separados a causa dos acontecementos cando se interrompan os outros medios de comunicación
    • Buscar as persoas desaparecidas ou das cales os seus familiares non reciben noticias.
    • Estender diversos documentos, entre eles, certificados de cativerio ou de defunción e documentos de viaxe.

     

    Estas tarefas realízanse en colaboración coas Sociedades Nacionais, moitas das cales teñen o seu propio servizo de busca. Unha idea do volume da acción da ACB dánola os seus enormes arquivos, actualmente con máis de 60 millóns de fichas persoais, entre as cales, hai decenas de miles de homónimos..

     

Federación Internacional
  • Despois da Primeira Guerra Mundial pensábase que o home non podía provocar outro drama tan atroz como o que sacudira Europa e, polo tanto, non existirían máis guerras. Ao mesmo tempo Europa encontrábase arruinada, as poboacións decimadas polas epidemias, ademais de miles de persoas refuxiadas e desprazadas. Ante esta situación formúlase a creación dunha organización que actúe en tempo de paz para paliar o sufrimento humano, xa que:

    • As economías nacionais quedaran destruídas.
    • As epidemias estaban a decimar a poboación.
    • Había un número amplo de refuxiados, vítimas da fame e persoas sen fogar.
    • Poucos países tiñan ministerios de saúde.
    • Ningunha outra institución era capaz de organizar operacións de socorro de amplo alcance

    En abril de 1919, un dos dirixentes da Cruz Vermella Americana, Henrio P. Davison, convocou unha conferencia médica en Cannes na que propuxo confederar as Sociedades Nacionais dos distintos países nunha organización similar á Sociedade de Nacións, co obxectivo de actuar permanentemente na mellora da saúde e aliviar o sufrimento humano. Nace deste modo a Liga de Sociedades da Cruz Vermella (actualmente Federación Internacional de Sociedades da Cruz Vermella e da Media Lúa Vermella).

     

    A Federación é unha organización non gobernamental, sen carácter político, racial, nin confesional e representa a todas as Sociedades Nacionais da Cruz Vermella e da Media Lúa Vermella.

     

    A Federación ten as seguintes funcións:

    • Organizar, coordinar e dirixir as accións internacionais de socorro, de prevención de catástrofes e protección da saúde.
    • Actuar como órgano permanente de enlace, coordinación e estudo das Sociedades Nacionais.
    • Estimular e favorecer a creación de Sociedades Nacionais.
    • Impulsar e desenvolver proxectos de cooperación ao desenvolvemento.

    Gran parte do labor da Federación está relacionado coa prestación e a coordinación da asistencia a favor das vítimas dos desastres. Cando sobrevén un desastre a Federación actúa a nivel internacional, como coordinadora das operacións de urxencia sobre o terreo emprendidas pola Sociedade Nacional. Baseándose na información enviada dende a zona sinistrada e nas peticións recibidas, lanza inmediatamente chamamentos ás demais Sociedades membros para solicitar asistencia.

  • Transporta os donativos das Sociedades Nacionais, dos gobernos ou doutros doadores, distribúe víveres e subministracións que non se atopan dispoñibles na zona afectada e, se é necesario envía expertos ao país onde aconteceu o desastre co fin de axudar á Sociedade Nacional nas actividades de socorro. 

     

     

    Outra función primordial da Federación consiste en prestar asistencia ás Sociedades Nacionais, especialmente ás novas, no ámbito do desenvolvemento da súa organización. Para iso, proporciona asesoramento, formación, material e equipo.

     

    A este labor engádese tamén o da preparación dos socorros en previsión de desastres que inclúe medidas preventivas nos países que corren graves riscos e o mantemento dunha rede de depósitos internacionais.

     

    Outra acción importante da Federación, nos últimos tempos, é a asistencia aos refuxiados fóra das zonas de conflito armado. Nestas accións a miúdo colabórase co alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados. Este aspecto dende hai uns anos ten tal magnitude que mobilizou os recursos de todo o Movemento.

     

    A Federación conta cunha Asemblea Xeral onde cada sociedade membro ten un voto. Este órgano, que se reúne cada dous anos, é o "parlamento" de todas as Sociedades Nacionais e fixa a política xeral de actuación e elixe os compoñentes do resto dos órganos estatutarios (Presidente, vicepresidentes, así como ás Sociedades Nacionais membros do Consello Executivo).

     

    A Federación finánciase mediante as contribucións anuais de todas as Sociedades Nacionais membros, as contribucións voluntarias asignadas aos programas de socorro e desenvolvemento, donativos e outras fontes.

     

As Sociedades Nacionais
  • Practicamente en todos os países do mundo existe unha Sociedade Nacional da Cruz Vermella ou da Media Lúa Vermella, cuxos estatutos foron oficialmente recoñecidos e que actúa como auxiliar dos poderes públicos.

     

    Fundadas para atender aos soldados feridos ou enfermos, as Sociedades Nacionais despregan hoxe, tanto en tempo de paz coma en tempo de guerra, múltiples actividades que varían en función das necesidades de cada país e dos seus habitantes:
     

    • Protección da saúde.
    • Accións de benestar social cos colectivos vulnerables.
    • Intervención en socorros.
    • Medio.
    • Defensa dos dereitos humanos.
    • Axuda ante catástrofes.
    • Apoio a outras sociedades nacionais.
    • Difusión do DIH.
    • Axuda ás vítimas dos conflitos.
    • Promoción da doazón de sangue e órganos.

    Proxectos para grupos vulnerables 

  • Para ser membro do Movemento Internacional da Cruz Vermella e da Media Lúa Vermella, a Sociedade postulante debe reunir dez condicións e presentar unha solicitude de recoñecemento ao Comité Internacional da Cruz Vermella, acompañada dos documentos pertinentes. Estas condicións son as seguintes:

    • Estar constituída no territorio dun Estado independente en que estea en vigor o Convenio de Xenebra para aliviar a sorte que corren os militares feridos e enfermos dos exércitos en campaña
    • Ser no devandito estado, a única Sociedade Nacional da Cruz Vermella ou da Media Lúa Vermella e estar dirixida por un órgano central que sexa o único que a represente nas súas relacións cos outros compoñentes do Movemento.
    • Estar debidamente recoñecida polo Goberno legal do seu país, sobre a base dos Convenios de Xenebra e da lexislación nacional, como sociedade de socorro.
    • Ter un estatuto de autonomía que lle permita despregar a súa actividade de conformidade cos Principios Fundamentais do Movemento.
    • Facer uso do nome e do emblema da Cruz Vermella ou da Media Lúa Vermella de conformidade cos Convenios de Xenebra.
    • Contar cunha organización que lle permita desempeñar as tarefas que se especifican nos seus estatutos, incluída a preparación, en tempo de paz, das tarefas que lle incumben en caso de conflito armado.
    • Despregar as súas actividades en todo o territorio do Estado.
    • Recrutar os seus membros voluntarios e os seus colaboradores sen distinción de raza, sexo, clase social, relixión ou opinión política.
    • Subscribir os Estatutos, participar na solidariedade que une aos compoñentes do Movemento e colaborar con eles.
    • Respectar os Principios Fundamentais de Movemento e guiarse, para a súa acción, polos principios do dereito internacional humanitario.

    Toda nova Sociedade deberá ser recoñecida polo CICR antes de ser admitida na Federación.

     

Emblema


  • Emblema adicionalEmblema adicional
    O Movemento Internacional da Cruz Vermella e da Media Lúa Vermella celebra a decisión da Conferencia Diplomática reunida en Xenebra de adoptar o Terceiro Protocolo Adicional dos Convenios de Xenebra polo que crea un emblema adicional aos emblemas da cruz vermella e da media lúa vermella.

     

    Ir al Enlace Accede á páxina da Federación

     

    O emblema da Cruz Vermella, que serve para identificar os que dunha forma neutral se dedican a protexer aos feridos, é unha homenaxe a Suíza, por ser o Estado que toma a iniciativa de convocar a Conferencia Diplomática - son o signo e as cores da bandeira suíza, pero invertidos - Este emblema deu ademais nome a todo o movemento humanitario


    Os diferentes emblemas da Cruz Vermella
     

    En 1876 Turquía e Rusia iniciaron un enfrontamento bélico. Os soldados musulmáns consideraban que o signo da Cruz Vermella era un símbolo relixioso cristián e negábanse a ser atendidos polos servizos de socorro. Por iso o Goberno turco solicitou utilizar a Media Lúa Vermella. Este símbolo foi recoñecido e dende ese ano os países de maioría islámica utilízano.

     

    O símbolo da Cruz Vermella ou da Media Lúa Vermella ten un dobre carácter:

    • Signo protector: Por un lado, en tempo de guerra, indica que o persoal e o material que o porta son neutrais e están protexidos polos Convenios de Xenebra e como tal deben ser respectados. O emblema representa a axuda imparcial aos soldados feridos sen distinción ningunha por motivos de nacionalidade, raza, relixión, clase social ou opinións.
    • Signo indicativo: En tempo de paz e acompañado polo nome da Sociedade Nacional correspondente, e sempre dun menor tamaño, indica o material e persoal que pertence á sociedade nacional.

Botón Clicable - Dónde Estamos


Botón Clicable - Nuestros Principios


Botón Clicable - Nuestra Historia


Botón Clicable - Movimiento Internacional


Botón Clicable - Estatutos - Reglamento


Botón Clicable - Misión y Plan de Acción


Botón Clicable - Nuestros Datos


Botón Clicable - Nuestras Cuentas


Botón Clicable - Calidad


Botón Clicable - Centro de Documentación


BC-RESPONSABILIDAD SOCIAL


Botón Clicable - Red